TUI.
58,1 km > 45 min. en cocheAutopista Peaje (Google maps) 


O Conxunto Histórico de Tui é o segundo en importancia de Galicia. Tui foi capital dunha das antigas sete provincias do Reino de Galicia, o seu conxunto histórico-artístico é un bo exemplo de urbe medieval cun estado de conservación que o converten nun dos mellores do territorio galego.
As vellas rúas forman unha rede desde as beiras do río Miño  que vai subindo cara a catedral fortaleza, o que lle confire a cidade un singular perfil, recoñecible dende a distancia. A imaxe  da vella ponte internacional que a une con Valença, o río aos pes da cidade e a catedral no alto outeiro, é xa unha icona repetida en milleiros de fotografías espalladas polo mundo e tomadas polos peregrinos que entran a Galicia polo  Camiño Portugués a Santiago.

O Conxunto histórico tudense é un lugar para percorrer con calma, descubrindo pequenas rúas, prazas, casas señoriais, igrexas, conventos, brasóns e unha morea de pequenos detalles das vivendas nas súas fachadas e nas súas ventás e portas. A pouco que nos fixemos descubriremos que por aquí pasaron distintas culturas cada unha delas deixou a súa pegada. Non hai que ter presa para camiñar por o Tui antigo, merece unha vista pausada e atenta, que ben pode comezar ou rematar na catedral, que naturalmente esixe un tempo exclusivo dada a gran cantidade de xoias que se atopan nela. Descubra neste apartado cada un dos atractivos que posúe o conxunto histórico artístico de Tui.



PARQUE NATURAL DO MONTE ALOIA (Tui) 

Aloia é un parque natural, que non deixa indiferente a ningún visitante, ese pode ser unha das súas grandes virtudes. Ten o Aloia atractivos moi diferentes: paisaxísticos, históricos, naturais tanto de fauna coma de flora, e ata relixiosos. Gusta a aqueles que fan sendeirismo, aos ciclistas de montaña, e por ter ata ten uns rincóns fantásticos para degustar boas comidas no monte. Mais aló dos datos técnicos o Aloia posúe uns fantásticos miradores orientados cara distintos lugares que permiten disfrutar de vistas do Baixo Miño, do Val Miñor, da Louriña ou mesmo das illas Cíes. A muralla ciclópea danos unha idea da importancia estratéxica deste monte ao longo da historia, máis aló de si foi ou non foi o último recuncho de resistencia castrexa diante dos romanos, o mítico Monte Medulio. A natureza é xenerosa neste monte, as distintas repoboacións de especies forestais, permiten disfrutar dun frondoso bosque que reúne árbores senlleiras nos montes galegos.
Este foi o primeiro parque natural de Galicia. É vista obrigada o seu centro de interpretación, que nos dará unha idea exacta da importancia do mesmo, e nos proporciona pistas moi valiosas para percorrelo, grazas a un bo número de sendas, a maioría delas de pouca dificultade que nos permiten gozar de todos os seus atractivos.


Teñen os tudenses unha agarimosa relación con este monte, e síntense os veciños moi orgullosos do mesmo, moi visitado, para camiñar  ou para compartir coa familia e cos amigos, comidas e celebracións. A romaría das Angustias, data que desde tempos remotos reúne a centos de romeiros, o primeiro domingo de xullo, remarca a importancia relixiosa deste enclave, que calquera visitante que se achegue a Tui ou a comarca non pode deixar de visitar.